Monday 06 de May de 2024

En marcha as obras de construción do novo campo de fútbol de Eirís, que pasará a adaptarse aos estándares marcados pola FIFA


Os traballos permitirán a ampliación da superficie destinada ao terreo de xogo e tamén as dimensións totais do campo

En paralelo, dotarase á instalación dun edificio de usos múltiples, con vestiarios, aseos e almacéns de material deportivo

O Concello iniciou os traballos de construción do novo campo de fútbol de Eirís, unha instalación deportiva lindeira coa avenida de Lamadosa. A empresa Construcciones López Cao, adxudicataria das obras, xa está a executar a intervención necesaria para ampliar a superficie dispoñible na contorna do campo, tras instalarse un valado provisional para acoutar os espazos de intervención. O prazo previsto para a execución das obras é de oito meses.

Como paso previo ao inicio dos traballos, a Xunta de Goberno Local aprobou a finais de marzo a designación da dirección de obra para facer o seguimento e orientación das obras, nas que se investirán dous millóns de euros.

A principal intervención está centrada na remodelación do campo de fútbol, que actualmente é de terra e pasará a ser de céspede artificial. O ancho e longo do campo adaptaranse, ademais, aos estándares marcados pola FIFA: se as medidas actuais son de 80×53 para o terreo de xogo e 83×57 de superficie total, tras completarse os traballos pasarán a ser de 90×50,25 e 94×54,25, respectivamente.

A maiores, tamén se dotará o campo con catro torres de iluminación (con catro proxectores en cada unha delas), e disporanse dous bancos para fútbol-11 e catro para fútbol-7.

Por último, a disposición do peche perimetral do campo, de tipoloxía permeable de dous metros de altura, implicará a instalación de postes de chapa de aceiro de 50x50mm.

A dotación de instalacións complementarias ao campo de fútbol

Ademais da construción do novo campo de fútbol, no contexto das obras tamén se levará a cabo a creación dunha nova área de vestiarios.

O edificio destinado a esta finalidade estará situado no noiro que, actualmente, limita o campo polo sector leste. Tras completárense as obras, acollerá catro vestiarios para os equipos de fútbol, dous vestiarios para o colectivo arbitral, unha oficina e un almacén para o Club Eirís SD, tres aseos (un masculino, outro feminino e un destinado exclusivamente a persoas con problemas de mobilidade) e tamén un local onde se gardará o material deportivo.